quarta-feira, 18 de maio de 2011

Atraidos por un choque de feromonas

Sabes que, aínda que o pareza
isto non é unha asociación imperfecta
pois, mentres ti ficas de xeonllos
cara o meu embigo
eu, anégome como unha lagoa
no mes de inverno
ante a proximidade, a certeza do concúbito
Se che parece, achegareime a ti
coa ansia dunha namorada
E ti se queres, acólleme
pois eu, estou en posición
pendente dun apaño
A verticalidade neste instante
semella unha opción inevitábel
Entre os nosos corpos
non existen ocos que nos afasten
e ámote!
É posíbel que sexamos dous estraños
atraidos por un choque de feromonas
mais iso, é o de menos
Así que, déixate quedo á espera e úleme
pois o meu corpo arrecende a mazá
Ben o sabes
Tentemos á sorte e fagamos o amor
enriba do tendido eléctrico
Eu estarei limando mentres agardo
Limos brincadores executan danzas preliminares
Os pimpíns improvisan unha melodía quente
nas gallas do vello bidueiro
e eu cravareiche os dentes
para sentir na boca o gusto dos teus fluídos
Multiplicaránseme os bacilos no organismo
e morrerei de gusto

Mais, así a todo
Procurarei non perder a garantía, amor
pois, se se dá o caso
sempre podo cambiarte por un candeeiro
que me ilumine os días de menos sol

Este poema conseguiu o segundo premio de poesía no VIII Certame Literario Concello de Ames- 17 de maio 2011.
Licença Creative CommonsThis work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

Sem comentários: