sábado, 18 de junho de 2011

Soa no espazo

Soa no espazo (Diego de Giráldez)

Poema inspirado nesta obra pictórica

Esferas transparentes danzan
pezas invisíbeis nun espazo sombrío
misterioso
Namentres uns ollos mergúllanse
cara a dentro
e unha ringleira de troques
transitan ocos de nostalxia
pendurados dos cadros
Os corpos en decúbito supino
traspasan barreiras inimaxinábeis
Furan a certeza máis absoluta
NAS
Unha xouba en vertical
comparece na coreografía dos
elementos
No entanto, as galiñas vermellas
peteiran a realidade nos lenzos



Licença Creative Commons

This work is licensed under a Creative Commons Atribuição-Uso não-comercial-Vedada a criação de obras derivadas 3.0 Unported License.

quinta-feira, 2 de junho de 2011

No mar, neste mar


Inevitabelmente existen intres agochados
apegados nestes cons como se fosen lapas
baixo os efectos dunha incipiente psicopatía
Fondeados
amolecidos
encallados no peirao da memoria
Atravésanlle a pel, esgárranlla
pásalle por enriba a auga dos océanos
e sente que lle navegan
que a tronzan todos os naufraxios
destinados á permanencia

É consciente de que hai epitafios
escritos na nudez do rochedo
Sabe que existen lapsos que conservan aínda
a lene caricia dos corpos espidos
que habitan insculpidos na superficie de pedra
e contan historias nas súas páxinas
vivencias
especialmente expresadas
nas ondas deste mar, que semella en calma
Nítido perfil do verso!

No mar, neste mar
olla o infinito ronsel de melancolía
e repara, no longo índice de feridas

No mar, neste mar
onde dormen os aloumiños
arrolados polo vento de nordés
Móllalle os pés a auga salgada
e bícalle a caluga o ardente sol
Está silente, deitada sobre a rocha
e sente que se vai mergullando nos recordos
coma unha Mactra corallina
que afonda na area
Sotérrase lentamente